Fran Alonso (Vigo, 1963) é escritor, xornalista e editor. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade exerce como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais e, desde 2006,  ocupa o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editores. Tamén foi membro da directiva do Pen Club de Galicia. Durante varios anos colaborou semanalmente nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia e posteriormente nas páxinas de cultura do diario El País. Desde hai anos, mantén unha columna no semanario A Nosa Terra e anima o seu blog Cabrafanada

Como escritor, publicou máis de 17 títulos e concedéronselle premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria de 1998, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, e a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic. A súa obra abarca a narrativa, a poesía, a literatura infantil e xuvenil e o xornalismo.

Autor de máis de dezasete títulos, como narrador publicou Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) e A vida secreta de María Mariño (2007). Como poeta deu á luz Persianas, pedramol e outros nervios (1992), un libro considerado pola crítica como un referente fundacional da poesía dos 90; Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997); Subversións (2001) e Balada solitaria (2004). Tamén é autor de  Poetízate (2006), unha divertida e desenfadada antoloxía da poesía galega. 

Como xornalista publicou a crónica de literatura periodística Territorio ocupado (1998), sobre o conflicto saharuí; o libro de entrevisas Un país a medio facer (2008), que intenta de trazar unha liña na evolución da cultura galega nos últimos vinte anos; así como o texto biográfico "A voz que vén da seitura", sobre a vida da Señora Carmen, inlcuído no seu libro-disco-DVD A flor dos meus anos (PAI Música, 2007).

Tamén é autor do álbums ilustrados A casa da duna (2002) e A araña e mais eu (2009) realizado en colaboración co fotógrafo Manuel G. Vicente e do volume mixto A lúa no probador (1992), que recolle os seus primeiros relatos e poemas. 

Por outra banda, é coautor da tradución do francés ao galego de Polgariño (1995), de Charles Perrault; e autor da versión ao galego de A historia sorprendente dun homiño moi valente, de Hans Traxler. Así mesmo, promoveu, coordinou o libro Mini.relatos (Cartabón, 1999), que retou a case trinta narradores e narradoras a escribir textos mínimos.

A súa obra está traducida a diversas linguas como o castelán, o catalán, o portugués e o inglés. 

Todos os libros de Fran Alonso (incluídas as traducións)

Obra en antoloxías ou libros colectivos

Reseñas e críticas sobre os libros de Fran Alonso

Entrevistas con Fran Alonso